CRTVG

Buscar

Detido como presunto asasino a parella da muller que apareceu morta en Lugo

Publicado o 09/02/2020 09:45

• Segunda muller morta en Galicia este ano nun novo caso de violencia machista | O agresor mantiña unha relación coa vítima desde o verán 

Entrégase un mozo de 24 anos en Granada tras matar a súa ex-parella

 

A Policía detivo a parella da muller que apareceu morta na súa casa con feridas de arma branca. O home, que mantiña unha relación coa vitima desde o verán, está acusado de cometer este crime machista. Os axentes buscábano desde onte á noite.

Este sábado prénderono e xa está en dependencias xudiciais, ás espera de pasar a disposición xudicial. O caso lévao o xulgado número dous de Lugo e a titular, que estivo presente no levantamento do cadáver, ordenou o segredo sumarial.

Foi a nai da vítima a que onte á noite descubriu o corpo sen vida da súa filla, cando a foi visitar ao seu piso, situado neste bloque de vivendas das Gándaras. Eran as dez da noite e daquela chamou o 112 e foi o propio servizo de emerxencias o que alertou a Policía Nacional, que de inmediato desprazou varias patrullas ata a vivenda da muller asasinada, un piso no que vivía soa cos seus dous cans.

Esta é a novena vítima da violencia machista en España no que levamos de ano, a segunda en Galicia logo do crime da Pastoriza no que un octoxenario matou á muller e despois suicidouse. 

Consternación entre os veciños da rúa da Ferraría, no barrio lugués das Gándaras, onde a falecida era unha persoa moi coñecida. 

 

Noticias web

09/02/2020