CRTVG

Buscar

Detida unha moza por agresións tras fuxir dunha festa ilegal

Publicado o 02/03/2021 14:43

A Policía Local de Pontevedra detivo unha moza acusada de agredir un axente e un médico tras participar nunha festa ilegal. Ocorreu pouco despois da medianoite.

Todo comezou nunha vivenda semiabandonada da avenida de Vigo, na cidade do Lérez. Veciños da zona alertaron ás forzas de seguridade porque escoitaban música e balbordo.

"Cando chegamos, os policías observan que hai un grupo dunhas oito persoas no interior", pero cando acceden só atopan a catro que "son identificadas e denunciadas", segundo informa o voceiro da Policía Local de Pontevedra, Manuel Omil.

As outras catro conseguiran fuxir pola parte traseira da casa. Dúas mozas foron interceptadas pouco despois na rúa Pintor Luís Seoane. Unha delas, dacordo co relato policial, chegou a agredir un axente arrincándolle a máscara e cuspíndolle na cara.

"O sorprendente foi a reacción", asegura Omil, "probablemente froito dos nervios". Despois, tras lograr reducila, os axentes trasladárona ao PAC da Parda para atendela das feridas que se producira durante a fuxida.

"Estaba tan agresiva que cando foi atendida no PAC porque presentaba moitísimas rabuñadas no corpo froito da fuxída por leiras de arredor da vivenda, mesmo agrediu o médico", relata o voceiro da Policía Local.

A moza tamén a tomou contra o mobiliario da consulta polo que foi detida para pasar posteriormente a disposición xudicial.

Noticias web

02/03/2021