CRTVG

Buscar

Deteñen unha muller por tirar o seu bebé sen vida nun colector en Palencia

Publicado o 16/02/2020 18:18

Detida unha muller en Palencia tras asegurar que botara ao lixo o bebé morto que acababa de parir. A policía investiga se puido abortar e logo desfacerse do feto nun colector. ​Polo momento, os datos son confusos, pero a policía sospeita que é un posible caso de aborto.

"O que podemos dicir é que é unha muller e houbo un suposto aborto, pero non podemos dar máis detalles porque vulnerariamos o seu dereito á defensa ", explicou Montserrat Marín, comisaria da Policía Nacional de Palencia.

A muller detida presentouse este sábado no hospital palentino Río Carrión, onde asegurou que tivera un bebé morto e o botara a un colector do lixo.

"Estanse a levar a cabo todas as dilixencias de comprobación e todas as probas forenses para esclarecer estes feitos, dos cales, tan pronto saibamos algo máis, daremos cumprida información", asegurou a comisaria.

A detención desta muller prodúcese só uns días despois do ingreso en prisión provisional dunha parella acusada de botar a súa filla acabada de nacer ao río Carrión. Ocorreu en Husillos, un concello situado a poucos quilómetros de Palencia.