CRTVG

Buscar

Deteñen un matrimonio en Xaca polo asasinato dunha muller discapacitada en Benidorm

Publicado o 15/08/2020 11:33

Axentes da Policía Nacional resolveron o crime descuberto en xuño en Benidorm dunha muller con discapacidade que apareceu morta na súa casa despois de varias xornadas sen noticias dela. Nas úlitmas horas produciuse a detención dun matrimonio en Xaca como supostos autores do asasinato da muller, á que lle roubaron cartos en efectivo que tiña nunha caixa forte.

Os dous detidos ingresaron en prisión preventiva sen fianza. Desprazáronse exclusivamente a Benidorm para supostamente cometelo crime e disimulalo como un accidente doméstico aproveitando a relación laboral e de amizade coa vítima, cunha malformación que lle causou a falta de pernas e brazos.

A muller cobraba unha importante pensión. Ao parecer o home agora detido traballlou como asistente doméstico da falecida e chegou a cobrar 2.500 euros mensuais como chofer. Malia que acabou o seu contrato e xa non realizaban servizos para ela, a muller os axudaba cunha media de 1.200 euros cada mes.

Os policías situaron á parella en Benidorm nas datas da morte da muller descapacitada que recibiu golpes na cabeza sen posibilidade de defensa cun obxecto contundente. Nos rexistros na vivenda dos detidos recuperaron parte dos cartos roubados e a roupa que utilizaron para o crime. O móbil do asasinato foi económico.