CRTVG

Buscar

Deteñen en Vigo un home tras roubar nunha tenda 24 horas

Publicado o 15/05/2020 14:10

O delincuente, de 44 anos, accedeu ao local situado na rúa Torrecedeira pouco antes das 12 da noite. Entrou coa cara tapada cunha chaqueta e obrigou o dono a que lle entregara o diñeiro da caixa mentres o ameazaba cun coitelo de grandes dimensións. Foi un veciño da zona o que alertou as forzas de seguridade.

Ata o lugar trasladouse unha dotación da Policía Nacional. Cando chegaron, o home xa fuxira co botín, pero lograron localizalo nas inmediacións. No momento en que baixaron do coche para arrestalo, o atracador pechouse nun portal. Un veciño abriulles e nese momento o home intentou asestarlles varias coiteladas, polo que tiveron que solicitar axuda a outros axentes, que lles levaron un escudo para defenderse.

Finalmente, o atracador foi arrestado e tamén conseguiron recuperar o botín. Trátase dun vello coñecido das forzas de seguridade que conta con 32 antecedentes policiais.

Noticias web

15/05/2020