Deteñen dúas carteiristas que actuaban nun mercado ambulante de Lugo
Publicado o 07/08/2019 11:47
A Policía Nacional identificou en Lugo dúas mulleres que actuaban como carteiristas. Son dúas individuas de 60 e 47 anos de idade que operaban polo mercado de Frigsa e que xa teñen antecedentes penais por feitos similares.
O seu método de roubo era sinxelo: mentres unha das mulleres subtraía as carteiras aproveitando a aglomeración de xente no mercado, a outra recollía o roubado e levábao ao seu domicilio. Para evitar ser detectadas, a encargada de gardar o botín cambiaba de roupa e poñía diferentes lentes ou sombreiros en cada viaxe.
Aínda así, os axentes detectaron a súa presenza e puideron recuperar parte das carteiras e do diñeiro roubados.