CRTVG

Buscar

Deteñen dous homes que retiveron unha muller na súa casa en Marín

Publicado o 02/03/2021 14:00

Dous homes de 24 e 34 anos de Marín foron detidos por reter unha muller na súa casa e coaccionala para que lles dese cartos. Cando a vítima denunciou os feitos, os investigadores descubriron que un deles tiña varias denuncias pendentes. 

A investigación iniciouse a raíz da denuncia dunha muller que asegurou que foi de visita á casa duns amigos en Marín. Unha vez ali, retivérona contra a sua vontade, roubáronlle o móbil e a cambio pedíronlle que lles entregase 800 euros.

Como nos os tiña, acompañárona a un caixeiro, pero non dispoñía de saldo abondo, así que a obrigaron a ir a unha tenda de telefonía e contratar duas liñas telefónicas cos correspondentes terminais. Tras a denuncia, os axentes iniciaron as pescudas e identificaron os individuos, de 24 e 34 anos.

Descubriron que un dos homes tiña varias denuncias pendentes. Entre elas, as de seis mulleres que exercen a prostitución. Contrataba os seus servizos e logo negábase a pagarlles e tampouco as carreiras dos taxis que as trasladaban desde Vigo.

Cando os axentes se presentaron no domicilio para detelo, fuxiu e tiveron que perseguilo por varias rúas de Marín. Unha vez en dependencias policiais, verificaron que ademais tiña dúas requisitorias dun xulgado de San Sebastian de ingreso en prisión, polo que xa está na cadea.

O outro quedou en liberdade con cargos despois de pasar a disposición xudicial. Están acusados dos delitos de detención ilegal e coaccións.

Noticias web

02/03/2021

Máis sobre Marín