CRTVG

Buscar

Deteñen dúas persoas en Vigo por asaltaren anciáns nos portais das vivendas

Publicado o 11/09/2020 10:15

A Policía Nacional detivo en Vigo dous delincuentes violentos que asaltaban anciáns nos portais das vivendas. Buscaban mulleres de avanzada idade e seguíanas ata a súa casa. Despois coábanse detrás delas e no mesmo portal ou no ascensor asaltábanas de forma violenta. Ás veces mesmo as tiraban ao chan se se resistían, quitábanlles o bolso e saían fuxindo. Tras detectar estes casos iniciouse unha investigación para dar con eles.

Son un vigués de 45 anos e un cangués de 28. Estes atracadores son, segundo a Policía Nacional, uns auténticos depredadores como delincuentes, aos que lles constan numerosos antecedentes. Un deles foi detido 12 veces no que vai de ano e en agosto arrestárono en seis ocasións. Os últimos asaltos tiveron lugar o mes pasado. Un deles nun edificio da rúa Urzáiz. A vítima foi unha muller de 74 anos á que abordaron por detrás e lle taparon a boca para roubarlle. Só uns días despois tamén atacaban outra muller na rúa Aragón. Ambos os dous delincuentes xa pasaron a disposición xudicial.        

 

 

Noticias web

11/09/2020