CRTVG

Buscar

Deteñen un mozo en Lugo por agredir os policías que o interceptaron por condución temeraria

Publicado o 27/06/2019 10:48
Deteñen un mozo en Lugo por agredir os policías que o interceptaron por condución temeraria

Un mozo de 22 anos, veciño de Lugo, foi detido este mércores pola Policía Local, despois de agredir aos axentes que o interceptaron cando ía conducindo de forma temeraria pola cidade, negarse a facilitarlles a documentación para ser identificado e fuxir.

Segundo informou a Policía Local, os feitos sucederon contra as 21:40, cando veciños da rúa Ferreiriño chamaron ao 092 para informar de que un vehículo circulaba a gran velocidade por esa zona da cidade ata o punto de poñer "en risco os usuarios" da vía.

As patrullas que se desprazaron ata o lugar encontraron un vehículo estacionado en medio da rúa, de modo que obstaculizaba "gravemente a circulación e sen ninguén no seu interior".

Cando os axentes procederon a inspeccionar o coche, segundo aseguran, presentouse o propietario, que "desafiante", se negou a identificarse. Díxolles aos policías que non tiña documentación e que tampouco lles ía dicir quen era, de modo que os axentes comunicáronlle que tería que acompañalos á comisaría.

Nese momeno, o mozo empurrou "violentamente" un dos policías e intentou fuxir correndo. Os axentes perseguírono e nun momento empurrou un valado e caeu nun soar, onde foi alcanzado. Non obstante, o mozo tratou de escapar de novo, lanzando patadas e puñadas, din os axentes, polo que tivo que ser reducido e esposado. Foi trasladado a dependencias policiais e quedou á espera de pasar a disposición xudicial.