CRTVG

Buscar

Detectados sete novos gromos con 28 casos activos na provincia de Ourense

Publicado o 29/09/2020 18:54

As autoridades sanitarias informaron este martes de sete novos gromos da covid-19 detectados na provincia de Ourense e que afectan un total de 28 persoas.

En concreto, segundo a información da área sanitaria, tívose constancia dun novo gromo no municipio de Taboadela, que afecta cinco persoas (catro mulleres e un home) e ten orixe social, así como doutro foco, de orixe familiar, entre A Mezquita e A Gudiña, con tres casos (dúas mulleres de 55 e 75 anos e un home de 34).

No Barco de Valdeorras tamén hai un novo gromo con catro casos vinculados, de orixe familiar (un home de 48 anos e tres mulleres de 48, 83 e 81 anos); o mesmo que o foco de Ribadavia, que afecta tres persoas: unha muller de 29 anos, a un home de 31 anos e a dous menores.

No Irixo, un brote de orixe social mantén como positivos tres homes (de 32, 52 e 42 anos).

En relación á cidade de Ourense, este martes notificáronse dous novos gromos.

Un deles, de orixe familiar, ten cinco casos activos (unha muller de 36 anos, dous homes de 44 e 33 anos e dous menores).

O outro foco, de orixe social, afecta catro persoas: dous homes de 33 e 51 anos e a dúas mulleres de 25 e 48 anos.

Actualización doutros gromos

En canto á actualización de gromos, un foco detectado na cidade de Ourense con 10 casos ascende a 11 tras a detección dun novo positivo, un home de 53 anos.

En Verín, o gromo que afectaba 16 persoas crece ata as 18 tras as PCR positivas dunha muller de 42 anos e dun home de 45.

Finalmente, un gromo orixinado no Barco de Valdeorras con nove casos ascende a 11 tras dous novos positivos, o dunha muller de 18 anos e o dun menor.