CRTVG

Buscar

Detectados seis gromos no concello de Ourense e outro máis no de Verín

Publicado o 15/09/2020 19:24
Detectados seis gromos no concello de Ourense e outro máis no de Verín

As autoridades sanitarias informaron este martes da detección de seis novos gromos de coronavirus que afectan ao Concello de Ourense e suman 27 casos, e doutro foco máis, con catro casos activos, en Verín.

En concreto, segundo fontes da área sanitaria, no concello de Ourense detectáronse tres novos gromos con cinco casos cada un e outros tres que afectan a catro persoas. Un deles afecta a dous homes de 39 e 59 anos, unha muller de 46 e un menor; noutro, deron positivo pola covid-19 un home de 49 anos, unha muller de 71 e un menor, e tamén outro home de 75 anos que se atopa ingresado.

Noutro dos gromos do Concello de Ourense deron positivo tres mulleres de 34, 29 e 44 anos e un menor, e un cuarto foco afecta a catro mulleres, de 39, 40, 44 e 74 anos, e a un home de 74 anos.

Os dous últimos gromos novos detectados afectan, dunha banda, a dous homes de 35 e 32 anos, unha muller de 33 e dous menores ,e, doutra banda, a un home de 30 anos, unha muller de 31 e tres menores no outro.

Tamén se detectou un novo gromo con catro positivos activos no municipio ourensán de Verín. Afecta a dúas mulleres de 41 e 56 anos, un menor e un home de 84 anos que se atopa ingresado.