CRTVG

Buscar

Desvalixan unha casa de Lugo simulando que eran 'okupas'

Publicado o 30/06/2020 14:02

En Lugo, a Policía Nacional detivo cinco persoas que durante varios dias estiveron a desvalixar unha vivenda unifamiliar simulando que eran uns okupas.

A casa é propiedade dun matrimonio de idade avanzada que agora reside cuns familiares a causa da covid-19. Valoran en máis de 30.000 euros os útiles subtraídos.

Dúas mulleres e tres homes, todos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, introducíronse ilegalmente nunha casa unifamiliar no centro de Lugo e durante varios días.

Os veciños, ante o que semellaba unha ocupación da vivenda, alertaron os propietarios, un matrimonio maior, de 91 e 84 anos, que dende o confinamento se trasladou a vivir á casa duns familiares.

Cando chegaron á casa descubriron que moitas das súas pertenzas estaban envoltas en fardos feitos con sabas listos para levar. Os accesos á casa estaban bloqueados con mobles.

Deron aviso á policía, que detivo os cinco ocupantes. Os propietarios denunciaron a desaparición de cartos, xoias e un abrigo de visón. O inmoble sufriu numerosos estragos, con danos nos mobles e desorde en xeral.

 

Noticias web

30/06/2020

Máis sobre Lugo