CRTVG

Buscar

Destapan unha fraude de 6 millóns pola cobranza de pensións de falecidos

Publicado o 05/02/2020 19:56

A Policía Nacional destapou unha fraude de máis de seis millóns de euros pola cobranza de pensións de persoas falecidas coa detención de once persoas -unha delas un empregado de banca- como presuntas responsables de delitos contra a Seguridade Social, estafa, falsidade documental e apropiación indebida.

Durante a operación, que se desenvolveu durante 2019 en 21 provincias, analizáronse 12.586 aboamentos indebidos, 75 contas bancarias, 23 casos con máis de 100.000 euros defraudados e 40 pensións cobradas durante máis de dez anos.

Entre os casos investigados, 22 faleceran hai dúas décadas e once dos falecidos eran pensionistas españois no estranxeiro.

A investigación, segundo informou este mércores a Policía, supuxo "un reto para os axentes" en Áraba, Alacante, Almería, Asturias, Barcelona, Cáceres, Cantabria, Córdoba, Xirona, Huelva, A Coruña, As Palmas, Madrid, Málaga, Murcia, Ourense, Pontevedra, Santa Cruz de Tenerife, Sevilla, Valencia e Zaragoza.

Entre os casos máis relevantes está o dunha muller que se presentou nun banco cunha "actriz" que se fixo pasar pola súa nai, que morrera catro anos antes, para falsificar a súa sinatura por ser a titular da conta e poder sacar o diñeiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí