CRTVG

Buscar

Despiden a Pilar de Borbón na intimidade familiar

Publicado o 09/01/2020 15:09

Discreta despedida a Pilar de Borbón, en boa sintonía coa vida que levou a filla primoxénita dos condes de Barcelona ao longo de 83 anos. Nas últimas 24 horas, os accesos ao seu domicilio, onde se velaron os seus restos mortais, foron un constante ir e vir de vehículos e de coroas de flores, como a enviada desde o Palacio da Zarzuela.

Malia que non alteraron a súa axenda oficial, os reis de España tiveron tempo de acompañar tamén os fillos da duquesa de Badaxoz, tanto na tarde do mércores como na mañá deste xoves, cando se celebrou unha misa á que acudiron xuntas as irmás do actual xefe do Estado, as infantas Elena e Cristina, así como os seus pais, os reis Xoán Carlos e Sofía. Os poucos que abandonaban o lugar a pé eran reclamados polos xornalistas para avaliar a figura da defunta.

Malia que gozaba da condición de alteza real, Pilar de Borbón non quixo que os seus restos repousen no Panteón de Reis do mosteiro do Escorial, onde nos próximos días se oficiará un funeral. Por expreso desexo seu, descansará no mesmo lugar do cemiterio de San Isidro onde en 1991 foi soterrado o seu marido, Luis Gómez-Acebo. A diferenza del, a irmá maior de don Xoán Carlos quixo ser incinerada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2020