CRTVG

Buscar

Desmenten que se vaia illar Madrid do resto de España

Publicado o 11/03/2020 20:56

• Saturación nalgúns hospitais madrileños polo elevado número de casos graves

Madrid reforza as medidas contra a propagación do coronavirus. Desifectan o transporte público na capital e xa están pechadas garderías, colexios e universidades. A pesar das dificultades de conciliación, aconséllase que non se deixe os nenos cos avós. A xente maior é poboación de risco. De feito, debido aos focos en residencias de anciáns, a comunidade de Madrid ten a maior porcentaxe de falecidos e o 80% de infectados graves en UCI de toda España.

"É certo que hai hospitais en Madrid moi saturados. Hai hospitais que están respondendo cunha tensión moi importante. E o feito de que se estean producindo problemas de desabastecemento, que se están solucionando, non axuda", dixo Fernando Simón, director do Centro de Coordinador de Alertas e Emerxencias sanitarias.

Sanidade e o goberno rexional tiveron que desmentir que se estea pensando en bloquear a comunidade, pechala e illala do resto do territorio español.

"Agora mesmo non se está falando de bloquear a comunidade de Madrid. Temos que avaliar as medidas, e vaise ir facendo día a día. O obxectivo non é implementar medidas porque as pida alguén", asegurou Simón.

A comunidade ordenou pechar as instalacións culturais públicas. E a limitación de aforo nos eventos está ocasionando a cancelacións de moitas actividades de ocio, desde musicais ata touradas.

 

Noticias web

11/03/2020