CRTVG

Buscar

Desmantelan unha banda por asaltos en 20 vivendas de 12 municipios galegos

Publicado o 02/12/2020 09:26

A Garda Civil desmantelou un grupo criminal formado por tres homes de nacionalidade albanesa que supostamente se dedicaba a cometer roubos con forza no interior de vivendas por toda Galicia.

A operación, denominada "PicaPica", comezou a principios de novembro, cando o Equipo de Patrimonio da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Coruña detectou un incremento de roubos con forza en vivendas, principalmente nos municipios de Cambre e Oleiros, e tamén no barrio coruñés da Zapateira.

Tras investigar matrículas de coches, os axentes detectaron un vehículo ocupado por varios individuos cuxas características físicas coincidían coas dos autores dos roubos, que foran captados polas cámaras de seguridade dalgún dos inmobles asaltados. Non foi posible proceder á súa detención naquel momento, pero comezou un seguimento que levou os investigadores ata Vigo, onde probablemente residía algún deles.

Os ladróns elixían vivendas baleiras e eran "extremadamente rápidos", pois en apenas tres ou catro minutos conseguían entrar, roubar e marchar.

O seu radio de actuación abarcaba municipios de tres provincias galegas. Na da Coruña, fixeron das súas en vivendas de Cambre, Oleiros, A Coruña, Teo e Ames; nos concellos pontevedreses de Cangas, Moaña, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, e nas localidades ourensás de Allariz, O Pereiro de Aguiar e Barbadás.

O 29 de novembro, os axentes comprobaron que dous dos individuos saían no vehículo cara a Madrid. Seguíronos e dispuxeron un control na estrada, xa na localidade de Benavente, en Zamora e, en canto os investigados se decataron, lanzaron un obxecto pola fiestra do coche, que resultou ser un calcetín cheo de xoias: máis de 200 pezas de ouro cun peso de quilo e medio.

Nese momento, os efectivos procederon á súa detención e comezaron a procura do terceiro integrante do grupo. Foi localizado e detido cunha maleta.

Entre os obxectos de que se incautou, a Garda Civil tamén interveu ferramentas para forzar as xanelas das vivendas. 

Case a totalidade das xoias foron devoltas aos seus propietarios.

Finalmente, o Xulgado de Instrución número 7 da Coruña acordou o ingreso en prisión dos detidos. 

Operación Volvo

Esta operación súmase á posta en marcha a semana pasada, cando un grupo de catro homes, tamén de nacionalidade albanesa, asaltou unha vivenda en Vigo. Tres deles fuxiron polo monte e un foi intereceptado polas forzas de seguridade. Na actualidade está xa na prisión da Lama.

A policía segue buscando os outros tres ladróns, que ademais están buscados pola comisión de ducias de roubos con forza en vivendas da área sur da provincia de Pontevedra e tamén na comarca de Santiago.

Noticias web

02/12/2020