CRTVG

Buscar

Desde este domingo endurécense as penas por imprudencias na condución

Publicado o 03/03/2019 12:29

Inclúen como agravantes o exceso de velocidade, o consumo de alcol e drogas. As condenas, nestes casos, poderán ser de ata nove anos, cando provoquen máis de dous falecidos. Coa reforma, publicada xa no Boletín Oficial do Estado, sancionarase ademais o abandono do lugar do accidente, con entre seis meses e catro anos de cárcere.

"Hai que ser conscientes de que se queres vivir, tes que respectar a todo o mundo e non correr tanto, nin ir en malas posturas, nin beber, nin facer o loco!". "Non é só a vida desa persoa que consume iso e todo o que está ao redor".

"Cando conduzas, non bebas! Entón lle pido responsabilidades á xuventude e aos que non son tan mozos. Que controlen un pouco!"
A favor é como se mostran moitos galegos consultados ao respecto do endurecemento das penas por imprudencias ao volante. Consideran que é unha mágoa que teña que ser con "castigos", a forma en que os cidadáns entendan a súa responsabilidade conducindo e chaman a reforzar a educación viaria.

"Tamén vai moito na educación da xente. Porque se hai un accidente e que a xente non acuda á outra persoa que o necesita, pois xa está de por si mal. Se endurecen as penas, pois mellor!". "Páreceme moi ben que sexa un agravante e non un atenuante. Evidentemente, o que colle un coche drogado, bébedo ou con algún problema de medicina, creo que debe ser un agravante".

"Pagamos todos, si señor. Tanto os que teñen culpa, como os que non a teñen. Porque cantos morren que non teñen culpa ningunha, por culpa doutro que vai malamente". "O que comete unha infracción ten que pagala". "Se ves a alguén tirado, o máis normal é socorrelo, axudalo ou ntentar axudalo. Que gañas escapando?"

Coa reforma do Código Penal, publicada xa no Boletín Oficial do Estado, serán imprudencias graves ao volante o consumo de alcol e estupefacientes e o exceso de velocidade, polo que se aumenta a pena, que pasará de catro a seis anos e mesmo poderá chegar ata os nove anos de cadea, á vontade do xuíz, cando haxa moitas vítimas mortais. Ademais, sancionarase o abandono do lugar do accidente, con entre seis meses e catro anos de cárcere. A reforma entra en vigor este domingo.

Noticias web

03/03/2019