CRTVG

Buscar

Descobren nas beiras do Sil unha das sepulturas máis antigas de Galicia

Publicado o 24/05/2019 21:22

Á beira dos canóns do Sil, nunha paraxe espectacular, un equipo arqueolóxico acaba de descubrir unha das sepulturas máis antigas do país. Baixo o chan do cenobio medieval dos Conventos, na parroquia de Vilachá, na Pobra do Brollón, atoparon un esqueleto que puido ser enterrado na Idade de Bronce.

Xosé Gago, técnico de cultura da Pobra do Brollón: "Tiñamos ese contexto medieval perfectamente documentado, pero aínda quedaba a sorpresa. Resulta que despois, baixo eses niveis medievais apareceu un enterramento. Xa o feito de que aparezan ósos nunha escavación en Galicia, pola acidez do chan, é chamativo e complicado, pero o máis importante é o tipo de enterramento que temos. Está feito directamente nun oco na rocha, nunha cista. Unicamente foran depositados alí o cranio e os fémures deste individuo, polo que é un enterramento que non se corresponde coa lóxica cristiá. Isto abre unhas posibilidades enormes".

Para corroborar que realmente se trata dun enterramento prehistórico, cunha antigüidade que mesmo podería superar os 3.000 anos, os técnicos do CSIC están a recoller mostras na escavación. Analizaranse os sedimentos de terra e os restos humanos serán datados mediante o método do carbono 14 nun laboratorio de Miami.

Xosé Gago, técnico de cultura da Pobra do Brollón: "Estes restos, afortunadamente, van ser datados en laboratorio mediante carbono 14. A partir de aí, imos ter unha datación absoluta. Arqueoloxicamente, tendo en conta o contexto, o feito de que os restos estean nunha cista e de que o corpo fora previamente ritualizado e mais depositadas certas partes neste lugar fainos pensar que é un enterramento prehistórico".

A escavación arqueolóxica onde se descubriu este importante achado foi promovida polos propios veciños de Vilachá, polo Concello da Pobra do Brollón e mais polo Instituto de Ciencias do Patrimonio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/05/2019