CRTVG

Buscar

Desarticulado un grupo criminal por estafa en compravenda de coches en Internet

Publicado o 23/01/2020 13:04
Desarticulado un grupo criminal por estafa en compravenda de coches en Internet

A Garda Civil da Coruña desarticulou un grupo criminal que estafaba na compravenda de vehículos de gama alta por Internet, por mor dunha denuncia presentada en Betanzos en que a vítima aseguraba ser estafada na compra dun todo terreo.

A operación, denominada Uyarviccu, realizouse en colaboración con unidades da Policía Xudicial de Toledo, Cáceres e Málaga, segundo informa este xoves o instituto armado.

A investigación concluíu con tres persoas investigadas e unha cuarta en busca por pertenza a grupo criminal, delito de estafa e branqueo de capitais, con grupos familiares e de amizade entre si e residentes en Cáceres, Murcia, Málaga e o Reino Unido.

Os axentes seguiron o rastro dixital da operación ata lograr vinculala con outras denuncias similares noutras localidades españolas.

O modus operandi consistía en captar clientes coa imaxe corporativa de varias empresas de recoñecido prestixio de Málaga, aínda que algunhas delas eran empresas pantasma, por non estar inscritas nalgún rexistro mercantil, e con sede fiscal nunha nave industrial abandonada, a pesar da súa aparencia de legalidade en Internet.

Dous dos implicados, residentes en Cáceres e Marbella e con antecedentes de lavado de capitais en operacións de narcotráfico, branqueaban o diñeiro das estafas.

Outra, natural de Toledo, era a titular das liñas telefónicas coas que se realizaban as estafas e a administradora única dunha das empresas pantasma.

O xefe, tamén de Toledo e que actualmente residía en Reino Unido, con numerosos antecedentes por estafa, era o receptor do pago do vehículo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí