CRTVG

Buscar

Desarticulada unha rede que gañou máis de 800.000 euros manipulando ruletas

Publicado o 27/09/2020 13:39

Axentes da Policía Nacional desartellaron unha organización criminal que manipulaba ruletas electrónicas de salóns de xogo nunha ducia de localidades españolas. Ao parecer, durante o último ano gañaron máis de 800.000 euros.

O seu modus operandi era corromper os encargados dos salóns para obter premios de ata 40.000 euros vulnerando a seguridade do software para modificar a secuencia dos premios, creando un fallo no funcionamento.

Once persoas foron arrestadas en cinco rexistros en Madrid e Málaga, ainda que tamén tiñan baixo o seu control casas de apostas en Alacante, Cádiz e nas Canarias. Os detidos fixaban unha recompensa para os empregados dos locais.

En total, participaron en 23 estafas, en que diversos xogadores interviñan en máquinas en que supostamente lograban premios pero non lles eran entregados, polo que o responsable da sala tiña que certificar o erro de funcionamento do aparello e autorizaba o cobro aos que realizaron "as apostas gañadoras".

A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Noticias web

27/09/2020