CRTVG

Buscar

O Goberno non descarta "axustes" se non se respectan as normas nas saídas dos menores

Publicado o 27/04/2020 08:12

A ledicia dos cativos contrastou coa indignación que encheu as redes sociais tras divulgárense imaxes de supostos incumprimentos das restricións en varias cidades españolas. O Goberno non descarta dar pasos atrás na desescalada se non se respectan as normas.

O concello de Valencia reaccionou ante unhas imaxes gravadas no curso do río Turia. Di que a pedagoxía rematou o domingo e que dende hoxe comezarán as sancións. Foi un dos vídeos que causou indignación nas redes sociais. Neles, vense incumprimentos da norma que permite saír os menores de 14 anos. Dende a súa vivenda, outro veciño de Éibar gravou e divulgou xogos entre os rapaces nunha praza. Rúas cheas de xente na Diagonal de Barcelona, coa impresión de que non se repectan as distancias de seguridade.

Noutros casos, familias ao completo, cando as restriccións especifican que debe ir un máximo de tres pequenos cun só responsable. Ou ben parladoiros entre adultos. A masiva difusión deste tipo de imaxes recolidas en varias cidades españolas fixo que o Ministro de Sanidade fose preguntado por elas; este asegurou que as recomendacións para que os nenos saísen á rúa este domingo "estaban a cumprirse de maneira xeral"aínda que advertiu de que irán vendo como evolucionan as cousas e que en caso de que houbese que facer "algún axuste" na saída dos menores, faríase.

As multas que poderían ter que afrontar as persoas que incumpran as restriccións nestas saídas son as mesmas que as que se aplican no resto de infraccións do estado de alarma. Parten dos 601 euros, que é a contía xeral das sancións impostas ata o de agora, pero a cantidade pode aumentar segundo os agravantes que se comproben.

Noticias web

27/04/2020