CRTVG

Buscar

Denuncian que hai mozos que organizan festas no cemiterio de San Vicente do Grove

Publicado o 11/08/2020 13:57

Na parroquia de San Vicente do Grove están indignados polo uso que lle dan ao camposanto algúns mozos nas noites de verán. Aseguran que se reúnen para facer festa, e que o deixan despois todo cheo de lixo e mesmo causan estragos. Esta mañá o cura foi poñer unha denuncia.  

Agora está limpo, pero, sobre todo, na noites da fin de semana o cemiterio queda feito unha esterqueira. Así o denuncia co cura que asegura que non é un problema novo. En San Vicente non entenden como habendo tantos sitios como hai para divertirse acaben aquí, incluso causando danos.

"Por desgraza, cada día que chegas atopas cunha cousa nova", coméntanos Juan Ventura Martínez, cura de San Vicente. "Un día os aspersores rotos, outro día os cristais dos panteóns, botellas, vasos, cabichas e de todo tirado, ata pipas de estar comendo pipas alí... Un desastre". E dinos que pasa na fin de semana especialmente.

O problema non ten unha solución doada, xa que o acceso é moi grande e non poden pechalo por mor da igrexa. Tamén porque os que veñen de festa escóndense na parte máis afastada do cemiterio polo que as patrullas cando pasan de ronda non os localizan.

"O cemiterio de San Vicente ten unha situación un pouco especial; non hai xeito de pechalo, de poñer un portal", salienta o cura. O acceso á igrexa é un monumento histórico e non se pode modificar.

"Xa estamos un pouco cansados, indignados porque non respectan o camposanto, é algo que á xente da parroquia lle doe moito, porque alí están os nosos seres queridos. E eu como representante da parroquia teño a obriga tamén de concienciar e poñer a voz en alto e dicir que isto non o podemos consentir", conclúe o crego.

O cura di que o que busca, ademais de denunciar a situación, é concienciar a todos e todas para que se respecten os lugares sacros.

Noticias web

11/08/2020