CRTVG

Buscar

Denuncian que o barrio lugués da Muxa se converteu case nun vertedoiro incontrolado

Publicado o 12/08/2019 14:22

Feixes de roupa usada coma estes aparecen case a diario tirados nas fragas do barrio lugués da Muxa, nas aforas da cidade. Pola zona sempre se tiraron residuos pero nas últimas semanas a cousa foi a peor e son cada vez máis os puntos onde os desaprensivos depositan todo tipo de obxectos. Algúns dos materiais poden resultar altamente contaminantes, como é o caso dos illantes que se usan en construción. Os veciños din que están fartos de chamar á policía e de pedir que lles recollan os residuos pero cada día aparece un novo vertedoiro ilegal. "Esto é unha falat total de civismo. Non entendemos por que fan esto. Hai material que se pode aproveitar", di Flor Rubinóns, da Asociación veciñal da Muxa.

"Xa non sabemos que facer. Vas dar unha volta polo barrio e de seguida atopas lixo tirado", asegura outra veciña. Malia que os residuos aparecen con tanta frecuencia, ninguén viu os responsables dos mesmos xa que sempre buscan as zonas máis alonxadas das vivendas e, polo que parece, actúan de noite. Os veciños sinalan que boa parte da roupa que se tira está en perfecto estado polo que non entenden esta situación. Tamén din que detrás destes vertedeiros ilegais pode haber algunha empresa de albanelería que non quere pagar a tarifa de depositar os residuos no punto limpo. "Esto é moi raro porque non sabemos quen pode actuar así. A roupa aínda podería utilizarse para axudar a outras persoas."

"Non se viu ninguén, de xeito que non sabemos quen pode ser o que tira todo esto." A orixe da roupa desbotada podería estar no punto limpo lindeiro xa que os roubos nas instalacións son continuos e as prendas soen ser o bortín favorito dos ladróns, xunto coas pezas metálicas.

 

Noticias web

12/08/2019