CRTVG

Buscar

Denuncian o roubo de aceite usado de colectores da Coruña

Publicado o 04/08/2020 13:54

O colectivo de Mulleres Colleiteiras, que recollen aceite usado en colectores na área metropolitana da Coruña, denuncia os continuos roubos que veñen notando nas últimas semanas.

Advirten do perigos que pode ter para a saúde o uso incorrecto deste tipo de residuo e piden a colaboración cidadá para dar cos responsables.

Levan dous anos traballando no proxecto de Mulleres Colleiteiras para a integración de colectivos en risco de exclusión social. E é nunha nave de Oleiros onde almacenan o aceite que se vai recollendo nos distintos colectores que se espallan pola área metropolitana da Coruña.

Cada un deles viña almacenando arredor de cen litros semanais. Agora, os seus responsables, denuncian que moitos están baleiros.

As Mulleres Colleiteiras advirten do risco deste tipo de roubos. O dano económico para o colectivo é grande, pero máis grave pode ser o risco para a saúde. Por iso piden a colaboración cidadá para dar cos responsables.

O colectivo de Mulleres Colleiteiras xa presentou denuncias ante a Policía Nacional e a Policía Local pero aínda non hai pistas de quen pode estar detrás destes roubos.

Noticias web

04/08/2020