CRTVG

Buscar

Denuncian o mal estado dunha estrada na Terra Chá, con fochancas de varios metros de ancho

Publicado o 29/05/2020 14:18

Os usuarios da estrada que une as parroquias de Xustás e Bendia, entre Cospeito e Castro de Rei, denuncian o mal estado en que se encontra. Aseguran que as fochancas de gran tamaño que hai no firme, nalgúns casos de varios metros de ancho, xa provocaron danos nos vehículos en diversas ocasións.

"O outro día deixei alí unha roda, naquela focha. Xa me dirán como se pode ter iso así nos tempos actuais".

"Se vas pola estrada a moita velocidade, o coche pódese avariar. O estado da estrada é penoso".
"Teño medo a que se me pique unha roda. E esa avaría non ma vai pagar ninguén, imaxino eu", quéixanse os usuarios.

Os afectados sinalan que se abren grandes fochancas a cada pouco, aínda que se repare dun ano para outro. Reclaman, por tanto, que se amañe o firme de forma que o arranxo sexa duradeiro.

"Eu non sei por que se pon así, pero sempre se forman estes furados".
"A ver se un día arranxan esta estrada. Estariamos todos moi contentos e agradecidos, porque non é fácil atopar estradas coma esta".
"Terao que arranxar alguén que entenda disto. Terá que vir alguén que saiba por que se forman estas fochas aquí, porque o están a arranxar todos os anos, unha ou dúas veces, e a cada pouco volve estar así".

Trátase, ademais, dunha estrada con moito tránsito, tanto de camións e tractores como de turismos.

Noticias web

29/05/2020