CRTVG

Buscar

Denuncian o fedor e os ruídos producidos por unha manda de cans nun piso de Lugo

Publicado o 09/09/2020 13:18

Nun dos pisos deste bloque de vivendas do barrio lugués de Albeiros conviven ata sete cans, segundo denuncian os residentes no edificio. Os veciños quéixanse dos continuos ladridos dos animais, que ademais producen un cheiro insoportable nas zonas comúns, en especial nos días de calor. Por este motivo, procuran ter abertas as ventás dos corredores.

"Hai moscas os días de sol, que vai calor, polo que hai que ter as ventás cerradas. Temos que ter os respiradoiros dos fumes selados para que non entre o olor. Hai unha denuncia feita dende hai tres anos, que isto vén de hai cinco ou seis anos atrás. Os cans non poden estar ben coidados, porque levan dende febreiro sen saír á rúa. E non sei cantos ten, pero sobre seis ou sete, porque ten tres grandes mais tres cadelas criando".

"Aquí hai moitos cheiros dos cans e ruídos de noite. Á noite hai moitos ruídos. E cheiros, bastantes, en todo o edificio. Deica pouco vai haber máis cans ca xente, e están todos por aí, que nin os sacan nin para fóra. E están ladrando de noite e de día. Están aquí no balcón ladrando todo o día", sinalan os veciños.

Ademais de alertaren a policía, os veciños tamén xuntaron sinaturas para denunciar o caso e mesmo emprenderon accións legais contra os donos dos cans. Pero, polo de agora, ningunha destas medidas fixo efecto.

"Presentáronse dunha vez 37 firmas para ir facer unha denuncia, que a Policía Nacional lle pasou á Policía Local. Falouse con Medio Ambiente, coa Xunta, miramos na protectora de animais... Fixemos de todo, mais aquí ninguén fai caso. Nin fan caso do que nos está a prexudicar a nós nin ninguén se preocupa de ver que os animais estean ben coidados".

Malia o evidente fedor producido polos cans, a súa dona asegura que os lava a diario.

Noticias web

09/09/2020