CRTVG

Buscar

Denuncian malos tratos a uns cabalos no barrio lugués de Albeiros

Publicado o 16/09/2020 13:57

Os malos tratos que presuntamente sofren estes cabalos provocaron a indignación dos veciños do barrio de Albeiros, en Lugo. Sinalan que presenciaron como lle pegaban cun pau a un dos animais, que estaba amarrado a unha corda de apenas tres metros.

"Cando lle estivo pegando, vino. A miña terraza dá para atrás e vino cando lle estaba pegando. Había unha muller e dous homes e tiña o cabalo atado coa corda a dous metros e pico cando lle estaba dando coa vara. Estaba intentando poñerlle a sela e o cabalo non lle deixaba, que debía de ser algo bravo. Non lle deixaba e estivo mallando nel a paus ata que o cansou", relata un veciño.

Segundo os residentes na zona, non é a primeira vez que os cabalos sofren malos tratos. Aseguran que adoitan mallar neles e que tamén os teñen en malas condicións, sen comida e sen auga.

"Ben tratados non están, iso é seguro. Bótanlles auga unha vez á semana, cando lle coincide. E ao mellor pasan dúas semanas que non teñen auga sequera".
"Aquí veñen os cabalos. Entran de noite e saen de noite. Unhas veces están con auga e outras sen ela, como lles cadre". "Apenas teñen auga. Bótanlles unha pouca nun caldeiro, tírana e logo están sen auga. Outras veces tráenos para aquí diante e sóltanos. Andan con eles por onde lles dá a gana. Agora téñenos nese terreo, que llelo deixaron. E póñenlles abaixo, nos pezuños, uns arames que os faga trotar. Incluso teñen cicatrices pola parte de atrás dos cascos. Debe de ser para que os faga trotar e os manque".

Imaxes cedidas polo xornal El Progreso

Os malos tratos aos cabalos xa foron postos en coñecemento da Protectora de Animais de Lugo, que á súa vez vai presentar unha denuncia ante Medio Ambiente.

Noticias web

16/09/2020