CRTVG

Buscar

Denuncian a retirada de obxectos do interior da Casa Cornide

Publicado o 22/12/2020 18:54
Denuncian a retirada de obxectos do interior da Casa Cornide

A plataforma cívica Defensa do Común e o BNG denunciaron a retirada de obxectos da Casa Cornide da Coruña, propiedade dos Franco, e pediron axilizar a declaración do inmoble como Ben de Interese Cultural (BIC), un expediente que o consistorio coruñés xa presentou ante a Dirección Xeral de Patrimonio.

Nun comunicado, Defensa do Común asegura recibir información da veciñanza da Cidade Vella, onde se sitúa o inmoble, sobre a presenza de "varias furgonetas retirando obxectos".

O BNG, pola súa banda, achega imaxes dunha furgoneta saíndo do edificio, que o consistorio espera reclamar para o patrimonio público, seguindo os pasos do pazo de Meirás tras a sentenza favorable ao Estado.

Desde a plataforma cívica, aseguran que os feitos denunciados supoñen "un feito moi grave porque pretenden facer na Casa Cornide o mesmo que querían facer no pazo de Meirás: levar de alí todo o que puidesen antes de entregar as chaves", aseguran nun comunicado en que o comparan co comportamento dos 'okupas'.

"Os Franco saben que a declaración de BIC dificulta a súa venda e saben que desde ese día non poderán retirar obxectos da Casa Cornide, sen previa autorización". Por outra banda, avanza que convocarán o domingo un acto cívico, ás 12.30 horas, ante o edificio para "repudiar a actuación da familia do ditador Franco por este espolio continuado" e esixir que se acelere a declaración de BIC.