CRTVG

Buscar

Denuncian a existencia dun vertedoiro incontrolado en Cervantes

Publicado o 28/08/2020 14:25

O punto de recollida de plásticos agrícolas de San Román, en Cervantes, converteuse no último ano nun vertedoiro incontrolado. A acumulación de residuos de todo tipo fixo que o recinto quedase pequeno para albergar tamén colchóns, electrodomésticos, material de construción, maletas ou mesmo botes cheos de mel.

Xabier Moure, Patrimonio dos Ancares: "Deposítanse outros materiais alleos á función para a que foi construído. A xente da propia zona non é, estamos convencidos diso. Aquí todo mundo sabe doutros sitios onde se poden tirar televisores, rodas, lavadoras, neveiras... Van aos sitios, deposítano e acabouse. A xente de aquí, a maior parte dedicada á agricultura e á gandería, son os verdadeiros prexudicados".

Diversos colectivos en defensa do patrimonio natural e paisaxístico da comarca denuncian a existencia deste vertedoiro incontrolado e reclaman que Medio Ambiente actúe para erradicalo. Pola súa parte, dende o Concello de Cervantes reproban a falta de civismo dos que depositan todo tipo de residuos neste punto de recollida de plásticos de uso agrícola.

Xabier Moure, Patrimonio dos Ancares: "Parece que o alcalde de Cervantes o mes vindeiro vai ordenar a limpeza de todo isto. E os responsables de Medio Ambiente deberían tomar cartas no asunto e tratar de evitar que acontezan espectáculos coma este".

Ante a presenza deste e doutros vertedoiros incontrolados, lembran que entre os recoñecementos oficiais dos Ancares figura o de Reserva da Biosfera.

Noticias web

28/08/2020