CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Delia, Estefanía e Gabriela queren ser soldadoras do naval, un sector no que a penas hai man de obra feminina

Publicado o 08/03/2018 20:53

Soldadoras, caldeireiras, matriceiras... en moitos oficios do metal aínda hai pouca presenza de mulleres. Na construción naval, sobre todo, é dificil dar con algunha en activo, pero quizais en breve as poidamos ver tamén nos estaleiros, porque algunhas empezan a prepararse para sacar proveito da boa etapa laboral que se anuncia neste sector.

Delia ten experiencia na industria frigorífica. Estefanía é programadora informática e Gabriela traballou entre outras cousas no sector do comercio, pero ningunha delas logrou a estabilidade laboral que desexaba e decidiron probar sorte noutro campo... "No naval", di Gabriela.

Por iso queren aprender soldadura. Estefanía custeou a súa propia formación, Delia é a única muller entre os 30 alumnos do curso de promoción pública que se imparte agora neste centro especializado de Vigo e Gabriela será tamén a única da próxima convocatoria. Están decididas a abrirse camiño neste sector que, de momento, é exclusivo dos homes.
"No seu momento chegueino a pensar, pero vexo que non; non é tan complicado", recoñece Gabriela. "Se hai que meterse nun burato, métome. Se hai que torcerse, eu métome", recalca Delia. "Dáseme tan ben, coma a calquera home", reafírma Estefanía.

"O que teñen é que ir facer unha proba, igual que os rapaces; se a fan ben contrátanas", di a responsable do centro de formación. Pero na súa curta experiencia xa percibiron que non sempre llelo van poñer igual de fácil. "Por exemplo, fun facer unha proba hai varias semanas e aos meus compañeiros fixéronlle unha proba moito máis sinxela que a que fixen eu", conta Estefanía. "Si que fai falta que á muller lle dean un pouquiño máis de oprtunidade e que crean nelas, porque teñen boa man", recalca a responsable do centro de formación. "Algún pero haberá, pero non creo...; sempre me gustou ser positiva e por que non; as mulleres tamén o podemos facer!!", reafirma Gabriela.

Telexornal Serán

08/03/2018