CRTVG

Buscar

Culpable de homicidio o acusado de degolar a muller na rúa Estela da Coruña

Publicado o 23/10/2020 15:23

O xurado popular declarou por unanimidade culpable de homicidio o acusado de degolar a súa muller no seu domicilio da Coruña o 18 de xullo de 2018, para quen as acusacións particular e popular pedían prisión permanente revisable por un suposto delito de asasinato.

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrou durante esta semana e a pasada, con Tribunal do Xurado, o xuízo contra este home que alegou axudar" a súa esposa a morrer porque ela pediullo" debido a que tiña "unha grave depresión".

Con todo, a Fiscalía reclamaba para el 25 anos de cárcere por un delito de asasinato con aleivosía, en que concorren as agravantes de xénero e parentesco, por matar a súa muller, para o que cubriu a cama que usaban con bolsas de plástico e cortoulle a carótida cun coitelo "aproveitando que estaba deitada, de forma sorpresiva e repentina".

O 11 de xullo, detalla o Ministerio Público, a muller tentou suicidarse, polo que un psiquiatra aconsellou o seu ingreso hospitalario ao considerar que "sufría un episodio depresivo grave", pero o procesado, engade a fiscal, insistiu en que non quedase ingresada e comprometeuse á súa vixilancia e a encargarse do seu tratamento.

Mentres, a acusación particular, exercida polo tres fillos da vítima, reclamaba a prisión permanente revisable, amparada en que a muller era "especialmente vulnerable" pola súa enfermidade.
Este avogado indicou que o procesado "fixo crer" á muller que ambos padecían "un cancro terminal", e que ía realizar "un suicidio colectivo por amor", pero "degolouna" nun momento de "debilidade", mentres se atopaba medicada.