CRTVG

Buscar

Sánchez, sobre os rozamentos no Goberno: "A experiencia é a nai da ciencia"

Publicado o 25/11/2020 15:27

• O presidente do Goberno confía nun acordo dos 27 sobre o fondo de reconstrución antes do 31 de decembro

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, evitou este mércores profundar nas tensións no seu Executivo, que, tal e como apuntou, é o primeiro de coalición en España, e nese sentido reivindicou: "A experiencia é a nai da ciencia".

Nunha conferencia de prensa en Palma xunto ao primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, Sánchez pronunciouse así sobre os rozamentos no seu gabinete, aos que se referiu este mércores o seu vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, que nunha entrevista suxería aprender de Italia sobre o funcionamento dun Goberno de coalición.

Con Iglesias presente na conferencia de prensa do XIX cume hispano-italiano, celebrada no Palacio da Almudaina de Palma, o presidente do Executivo chamou "a traballar con humildade, a aprender e a ser conscientes de que o Goberno ten que avanzar".

Sánchez dixo que non estaba de máis lembrar que o seu Goberno constitúe a primeira experiencia de coalición en 80 anos, tras a II República, e nese sentido evocou ás palabras de Miguel de Cervantes. "O Quixote dicía que a experiencia é a nai da ciencia; tamén da ciencia do Goberno de coalición", dixo.

O presidente do Executivo recolleu a luva dos xornalistas que preguntaron ao primeiro ministro italiano se dera algún consello sobre como gobernar en coalición e pediulle na comparecencia o seu parecer.

"Non teño consellos que dar; só teño que aprender, non teño nada que ensinar", escusouse Conte, que aludiu a que el só acumula dous anos de experiencia política, aínda que si apuntou a gran tradición italiana en canto a coalicións.

No entanto, asegurou que, segundo a súa experiencia persoal, unha coalición non é tan diferente á dialéctica dun goberno monocolor, onde tamén hai distintas posturas e distintos modos de ver as situacións, que levan a converxer.

Ademais, o presidente puxo en valor que despois de dous anos de bloqueo, cuns orzamentos prorrogados, o Goberno vai poder aprobar unhas contas novas "cunha maioría parlamentaria moi ampla e plural", algo que reivindicou como o froito dunha "experiencia de diálogo interno" das dúas formacións que conforman a coalición.

E nesa liña dixo que o Goberno segue coa súa folla de ruta baseada en acometer as transformacións sociais e económicas.

Sánchez confía nun acordo dos 27 sobre o fondo de reconstrución antes do 31 de decembro

O presidente do Goberno dixo este mércores que espera e confía en que se alcance un acordo antes do próximo 31 de decembro entre os 27 Estados membros da UE, incluíndo Hungría e Polonia, para ratificar e pór en marcha o fondo de reconstruccón de 750.000 millóns de euros pactado o pasado mes de xullo

"Esperamos e confiamos que podamos chegar a un acordo a 27 antes do 31 de decembro", respondeu Sánchez na comparecencia conxunta xunto ao presidente do Consello de Ministros de Italia, tras ter ocasión de falar distintos líderes, como a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, ou a chanceler alemá Angela Merkel, que ostenta a presidencia rotatoria da UE.

Sánchez lembrou que en xullo se alcanzou entre os líderes europeos un acordo "moi difícil e moi complexo" para o marco financeiro plurianual e para o Next Generation UE, que agora atopa un bloqueo por parte de Hungría e Polonia alegando que o mecanismo que vincula as axudas ao respecto do Estado de dereito ten unha base "ideolóxica" e non conta coas "garantías" adecuadas.

Sánchez dixo esperar que Hungría e Polonia sexan "conscientes" do que representa o acordo en termos de resposta á emerxencia económica e social producida pola pandemia e a importancia de alcanzarse antes de que acabe o ano.

Precisamente onte a vicepresidenta terceira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, asegurou que o Goberno ten a intención de empezar a despregar medidas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, xunto a investimentos para mobilizar o investimento privado e reformas estruturais, a partir do 1 de xaneiro de 2021 se se aproban os Orzamentos, con independencia do momento no que se aproben en Bruxelas os textos, se produzan as ratificacións e empece a fluír a liquidez dos fondos.

A España corresponderanlle uns 140.000 millóns de euros dos fondos europeos entre 2021 e 2026, dos que ao redor de 72.000 millóns percibirá vía transferencias ata 2023, aínda que os Orzamentos, que contemplan un investimento de 39.000 millóns, xa inclúen 27.000 millóns adiantados dos fondos europeos.

Noticias web

25/11/2020