CRTVG

Buscar

As últimas medidas do Goberno creban a aparente unidade política

Publicado o 31/03/2020 07:52

Ao mesmo ritmo en que comezan a remitir os contaxios, esváecese a aparente unidade política das últimas semanas. A decisión do Goberno de acentuar as medidas de confinamento co decreto de peche de empresas non esenciais provocou a resposta contraria da patronal e da oposición, que lle botan en cara a tardanza en comunicar a moratoria. No Goberno alegan a complexidade técnica de concretar esta decisión.

"Non hai improvisación. Son medidas moi complexas. Son consciente de que había sectores preocupados. Humildemente pido desculpas", dicía a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

A CEOE e pequenos empresarios piden que o permiso retribuido sexa custeado polo Estado. A esta opción súmase o PP. Pablo Casado vai máis alá. Acusa o executivo de mentir e de tomar decisións sen consultar coa oposición. E anuncia que non apoiará as novas medidas económicas do Goberno se non incorporan as súas propostas. "Cando nos chegan reais decretos sen anunciar, non podemos apoialos", explicaba o líder do PP, Pablo Casado.

O PNV tamén critica que non lle consultaran previamente estas últimas medidas. Ciudadanos reclama seguridade xurídica e consenso. "Consenso, que se expliquen ben", afirmou Inés Arrimadas.

Esquerra Republicana, que levaba semanas pedindo o peche económico total, decidirá hoxe se apoia as medidas do Goberno. Discrepan en como se concretaron.

Noticias web

31/03/2020