CRTVG

Buscar

A política industrial e a economía centran o debate na TVG entre os candidatos galegos ao Congreso

Publicado o 08/11/2019 13:34

• Pablo Arangüena, polo PSOE; Marta González, polo PP; Yolanda Díaz, por En Común Unidas Podemos; Beatriz Pino, por Ciudadanos, e Néstor Rego, polo BNG, confrontaron os seus puntos de vista nun debate que xa podes ver íntegro aquí

• Finaliza a campaña máis curta e máis impredicible

Ás 10.00 celebrouse o debate dos candidatos galegos ás eleccións xerais na CRTVG. Emitiuse en directo simultaneamente pola Televisión de Galicia, a Radio Galega e crtvg.gal e será redifundido en pola G2 en prime time ás 22.35. Participaron Pablo Arangüena, polo PSOE; Marta González, polo PP; Yolanda Díaz, por En Común Unidas Podemos; Beatriz Pino, por Ciudadanos, e Néstor Rego, polo BNG. Vox declinou acudir. O debate estivo moderado por Francisco López Iglesias.

INTERVENCIÓN INICIAL

• Pablo Arangüena, do PSOE, comeza mostrando a súa solidariedade cos traballadores da CRTVG e protesta polo horario en que se celebra o debate. "Este debate emítese en horario de mínima audiencia", dixo, e asegura que os temas de debate "non foron consensuados".

A continuación, o candidato socialista destaca que "o PSOE é o único voto útil para evitar un goberno de Pablo Casado".

• Marta González, do PP, di que este mesmo debate foi convocado hai sete meses e que as eleccións anteriores "non serviron para nada". Recorda que Pedro Sánchez non conseguiu formar goberno e que agora pola súa culpa se repiten as eleccións. "Os galegos sentímonos estafados e hai unha solución: votar o PP. É o partido da Xunta, de Feijóo, o que nos sacou da crise nos peores momentos da democracia".

• Yolanda Díaz, de En Común Unidas Podemos, tamén mostra a súa solidariedade cos traballadores da CRTVG, para logo entrar en materia. "Dixéronnos que o 28-A votaramos mal e houbo que repetir as eleccións porque algúns poderosos non podían durmir polas noites". "Non podía durmir Pedro Sánchez porque puidemos demostrar que si se pode, e mellorar a vida da xente.

• Beatriz Pino, de Ciudadanos, di que é unha mágoa porque está nunha televisión "manipulada", "a televisión do señor Feijóo", asegura. "Cando C's estea no goberno, poderemos poñer esta televisión ao servizo dos cidadáns". Sobre as eleccións do domingo di que o seu plan A é "ir da man do PP para poñer en marcha o país". E, "se non é así", Ciudadanos intentará que os dous partidos maioritarios cheguen a un consenso.

• Néstor Rego, do BNG, comezou así a súa intervención: "No BNG móvenos Galiza, unha mellor vida para os galegos, para as persoas con dificultade a fin de mes. Non podemos resignarnos a esta situación nunha Galiza con tantos recursos. A chave é facernos valer e precisamos voz propia. As forzas estatais actuaron en contra dos intereses deste país. Queremos estar no Congreso para defender que Galiza é unha nación".

 

POLÍTICA INDUSTRIAL 

Arangüena, do PSOE, lamenta a política industrial de Feijóo. Na súa opinión, o Goberno central está intentando "apagar os lumes" dos incendios que creou a política industrial da Xunta.

A popular Marta González recorda que están en perigo o naval, a automoción, a madeira, Ence... e todo "por decisións de Madrid e do Goberno de Pedro Sánchez". A industria está sendo desmantelada por "decisións incribles" do Goberno central. A Xunta, di Marta González, presentou pola contra un modelo para que o prezo da enerxía baixe e as industrias sexan competitivas.

"A competencia sobre a lei do sector eléctrico é estatal", dille Yolanda Díaz a Pablo Arangüena. Os problemas de agora, segundo Díaz, veñen por mor da actuación pasada dos gobernos do PP e do PSOE. "Hai que dicirlles ás eléctricas que xa non mandan", asegura a candidata. Recorda tamén que hai 4 deputados do seu grupo imputados por defender os intereses do país. 

Beatriz Pino, de Ciudadanos, lamenta o bipartidismo, "a vella política". En opinión do seu partido, PP e PSOE deixaron "tirada" a industria galega e hai comarcas enteiras que non saben do seu futuro. "Non foron previsores". Ciudadanos propón un gran pacto de estado pola industria. PP e PSOE só se tiran os trapos sucios e non dan solucións", asegura.

Néstor Rego di que este non é un debate electoral normal e que se pretenden ocultar os "temas de interese para Galiza". "A CRTVG adoutrina ao servizo do PP", insiste. "PP e PSOE non moven un dedo por resolver a crise industrial que temos en Galiza". "É importante falarmos da soberanía porque somos produtores de enerxía", pero Rego tamén recorda que hai empresas cuxo futuro depende a actuación da Xunta.  

O socialista Arangüena di que a competencia industrial é da Xunta. "Achacarlle a un Goberno que leva 15 meses todos os problemas da industria é unha manipulación". "Rajoy non quixo saber nada do estatuto electrointensivo", mantén Pablo Arangüena. "O Goberno si fixo cousas: o maior proxecto industrial é o das fragatas F-110". E respecto a Alcoa, o Goberno atopou un investidor para  dous anos. "E non se pode facer maxia co prezo da luz", asegura.

Yolanda Díaz recorda que o seu grupo reprobou a ministra de Industria, á que lle reprocha que encontre solucións para industrias de fóra e non para as galegas. 

"O único estatuto da industria electrointensiva é o que puxo enriba da mesa o goberno de Alberto Núñez Feijóo", retruca Marta González, do PP. Agora "todo o tecido industrial galego" está en perigo por culpa do Goberno central, ao que acusa de "abandono". Hai un "maltrato institucional" non só á industria, senón cara a toda Galicia.

Beatriz Pino, de C's, quéixase do "mitin" que está a dar o representante da PP. "A industria está abandonada e o PP non ten propostas", e pregúntase por que non hai AVE en Galicia, e sinala culpables: "PP e PSOE". 

Marta González, do PP, lémbralle que C's defendeu no Congreso que Galicia non necesitaba AVE e que era un "dispendio innecesario".

Néstor Rego cre que "PP e PSOE levan anos mentíndonos" cos prazos do AVE "e non falemos das infraestruturas ferroviarias interiores". E volve ao problema industrial. "O PP aprobou unha tarifa eléctrica para a industria vasca. Por que o País Vasco si e Galiza non?", pregúntase. "No caso de Endesa, non se pode autorizar o peche, marchando sen deixar alternativas". Tamén cuestiona o papel dos deputados de En Común en defensa da tarifa eléctrica galega.

Pablo Arangüena (PSOE): "Perdéronse 30.000 empregos" na industria galega durante o mandato de Feijóo e cita unha serie de empresas. "E Pedro Sánchez non estaba no Goberno de España". "Sánchez está apagando lumes por mor da inacción de Feijóo". E pidelles aos outros candidatos que non fagan "trampa co prezo da enerxía". 

Yolanda Díaz, de En Común, di que "Galicia pode perder a produción de aluminio primario". E insiste cos reproches á política industrial do Goberno central. "Sabes o que fixo Macron co seu sector naval ou Italia? Rescatala. Os gobernos están para iso", dille. Tamén se solidariza cos traballadores de Poligal, que agora está en Portugal, e cos de Naturgy, cos traballadores do telemarketing... 

PARO E ECONOMÍA

A popular Marta Gónzalez ve moi negativos os últimos indicadores económicos en España. "Baixa desde a confianza do consumidor ata o turismo", di. "Imos cara a unha nova recesión e o PSOE non ten respostas e moito menos para Galicia". "Nós sacamos os españois da crise nos momentos máis difíciles co esforzo de todos e apelamos á memoria da xente", conclúe.

Néstor Rego fala dunha crise industrial pola falta de acción de PP e PSOE. "Nós defendemos a nacionalización do sector enerxético". Tamén insta a poñer solucións ao paro: manter o emprego "porque hai potencialidades" e "xerar outros novos": apostar pola I+D+i e pola volta de moitos mozos ben formados e que marcharon. "O PP fixo unha reforma laboral lesiva para os traballadores" e recorda que nin PSOE nin Unidas Podemos chegaron a derrogala.

Beatriz Pino pide un "goberno forte" contra a crise. "Non podemos seguir en mans do Goberno de Sánchez, que é un despropósito que non fai nada", di a candidata de Ciudadanos. Avoga por unha reforma do mercado laboral e quéixase da precariedade dos contratos para a xente nova, o que non permite que poidan formar unha familia. Tamén di que o seu partido defende os autónomos, aos que "hai que apoiar".

Yolanda Díaz propón que a banca devolva os 66.000 millóns de euros do rescate en España e os máis de 9.000 millóns en Galicia, e "recortar por arriba e non por abaixo". "Ao final, son os traballadores os que pagan", laméntase.

Propón tamén derrogar a última reforma laboral. E critica a "mochila austríaca" que propón Ciudadanos. Retrúcalle a Néstor Rego que grazas ao seu grupo chegou a subirse o salario ou outras medidas para os traballadores.

Pablo Arangüena loa a ministra de Economía, Nadia Calviño, e nega "a falacia do PP" de que foron eles os que sacaron o país da crise, senón que foron as medidas de Mario Draghi, ex-presidente do Banco Central Europeo. Os socialistas apostarán pola "descarbonización" porque se poden xerar milleiros de empregos no futuro.

Marta González pregúntalle a Arangüena que explique por que os orzamentos xerais non aprobados levaban unha baixada do 30% do investimento en Galicia en detrimento doutras comunidades. "Sánchez é o presidente que máis dano lle fixo a Galicia en 17 meses de goberno", asegura. E repróchalle tamén os 700 millóns de euros que o Estado lle debe a Galicia, unha comunidade que cumpre "coa débeda e o déficit".

"Estamos asistindo a unha cousa simpática: PP e PSOE bótanse as cousas á cara", di Beatriz Pino, que fala dos casos de corrupción deses dous partidos. E pregúntalle a Arangüena: "Está de acordo con que se pague con diñeiro público orxías en puticlubs?", en referencia a un escándalo que salpica o anterior goberno andaluz socialista.

Néstor Rego, do BNG, di que o seu partido defende as pensións públicas, que cómpre subir. "En Galiza temos unha discriminación: son as segundas máis baixas do Estado", asegura tamén. Concorda con Yolanda Díaz na creación dunha banca pública, pero repróchalle o apoio de En Común aos orzamentos xerais do Estado pactados co PSOE. Tamén discute coa candidata do PP sobre o porto da Coruña, e reclama un novo modelo de financiamento.

Yolanda Díaz recoñece o papel dos traballadores do mar e das mariscadoras, e sobre os autónomos pide "cotas progresivas e proporcionais". "Nunca vou colaborar co PP, señor Rego", respóndelle ao candidato do BNG.

"Sobre os orzamentos, é certo que había unha rebaixa do investimento para Galicia, pero o reflexo da finalización das obras do AVE", di Arangüena. "O financiamento para Galicia estaba por riba da media estatal". E volve polemizar coa candidata do PP arredor do porto da Coruña.

Beatriz Pino, de Ciudadanos, lanza novas propostas: "Hai que reformar o mercado laboral: apoiar as familias, os autónomos" con novas medidas para eles. 

"A Unidas Podemos moléstalle que lles lembre o seu apoio aos orzamentos", dille Néstor Rego a Yolanda Díaz. Pregúntase tamén por que se mantén a "lei mordaza". A PP e Ciudadanos cuestiónaos polos seus pactos con Vox. "Nós imos facerlle fronte á ultradereita", conclúe.

Marta González pregúntalle a Rego que facía o BNG en Barcelona. "Estamos estupefactos co que está pasando en Cataluña". "O que está alentando a violencia é o presidente da Generalitat" e a "inactividade do Goberno central é inusitada". "Sánchez necesitará o voto dos independentistas e por iso está parado", conclúe.

MINUTO FINAL

• Néstor Rego (BNG): "Este domingo temos o reto de que Galiza estea en Madrid e precisamos confiar en nós mesmos". O voto ao BNG daralle "voz a Galiza" e será o "muro de contención" á dereita. "Chamamos aos decepcionados coas forzas estatais a concentrar o voto no BNG. Hai alternativa. O BNG nunca lle fallará a este país".

• Beatriz Pino (C's): "Cando nacemos, viñemos para rexenerar a vida política. Logramos gañar en Cataluña. En Andalucía, conseguimos acabar con 38 anos do Goberno socialista, levantando alfombras. Agora pedimos o voto para C's para un novo goberno democrático, liberal e de centro".

• Yolanda Díaz (En Común-Unidas Podemos): "Dirixímonos aos que nunca se renden, aos precarios, aos nosos maiores, á xente nova que quere volver, ás mulleres que saben que 'si é si', á nosa xente do mar, do agro... aos socialistas de corazón. O 10 de novembro, o teu voto vale o mesmo que o de Ana Patricia Botín. Si se pode".

• Marta González (PP): "Estamos fartos do bloqueo de Pedro Sánchez. Catro eleccións en catro anos e Pedro Sánchez como responsable. Estamos fartos das decisións económicas tomadas por este señor. Vostedes séntense galegos e españois e queren que España creza. Avogamos por un goberno moderado, para ter en Madrid un goberno como o que temos en Galicia". 

• Pablo Arangüena (PSOE): "Este domingo hai que elixir entre dous modelos: o do PSOE e o das 'tres dereitas' de PP, C's e Vox. Apostamos por repartir a torta do crecemento, por facer a política industrial que nunca fixo Feijóo a pesar de ter competencia, apostamos por unha transición enerxética que non estrague o planeta. Non permitamos o bloqueo nin un goberno da dereita".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí