CRTVG

Buscar

"Dálle a volta", lema do Día da Parálise Cerebral para acabar acabar coa exclusión

Publicado o 02/10/2019 15:15

Persoas con parálise cerebral das asociacións integradas en Aspace Galicia piden a súa inclusión real na sociedade. No Día Mundial da Parálise Cerebral, os afectados e as súas familias reivindican os seus dereitos, a miúdo vulnerados, e visibilidade.

Membros da Asociación de Parálise Cerebral, ASPACE, saen hoxe ás rúas para dar visibilidade aos seus problemas e reivindicar que non se vulneren os seus dereitos. Nun acto en Arteixo, reclamaron unha inclusión real na sociedade e medios para atender as súas necesidades.

"Investigacións sociais para deteminar as necesidades reais das persoas con parálise cerebral e recursos sociais suficientes", dixo Elena Viñas Nieto, membro de ASPACE A Coruña.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a partida orzamentaria que a Administración galega destina á discapacidade, 106 millóns de euros, é suficiente, pero apostou por mellorar en anos sucesivos.

"Hai que continuar incrementando sempre os recursos polas persoas con discapacidade para ofrecer cada día, cada ano, máis prazas púbicas de atención residencial, máis prazas públicas de centros de día e, sobre todo, máis, prazas sociais sempre con entidades sociais de Galicia", sinalou Fabiola García, conselleira de Política Social.

ASPACE celebra actos en toda España co lema "Dálle a volta", co que invita a rematar coa discriminación, a exclusión e os obstáculos con que se atopan os afectados de parálise cerebral.

Noticias web

02/10/2019