CRTVG

Buscar

Dá positivo en cocaína o condutor dun bus con 23 nenos no Pereiro de Aguiar

Publicado o 16/11/2020 15:16

A Garda Civil localizou o condutor dun autobús escolar que deu positivo en cocaína cando transportaba 23 nenos con idades entre os 3 e os 12 anos no Pereiro de Aguiar, en Ourense.

Os axentes están realizando precisamente unha campaña de control deste tipo de transporte, e nun dos dispositivos detectaron "un resultado pouco usual". É dicir, un positivo en consumo de cocaína que despois confirmaron no laboratorio.

O infractor enfróntase, "polo menos", a unha sanción administrativa de mil euros, ademais de quedar sen seis puntos no permiso de conducir.

Con todo, o Subsector de Tráfico da Garda Civil destaca que este tipo de conductas son "casos illados e puntuais" e que o transporte escolar "segue sendo a día de hoxe un dos medios de transporte máis seguros". Mesmo así, aseguran desde este organismo que se van realizar controis específicos no ámbito escolar durante todo o curso académico.