CRTVG

Buscar

A Garda Civil identifica sete persoas que festexaban nunha nave de Culleredo

Publicado o 26/03/2020 19:57
A Garda Civil identifica sete persoas que festexaban nunha nave de Culleredo

A Garda Civil de Culleredo (A Coruña), en colaboración coa Policía Local da mesma localidade, identificaron sete persoas por incumprir o estado de alarma tras ter coñecemento da celebración dunha festa nunha nave industrial da localidade de Ledoño, onde tiñan bebidas alcohólicas e churrasco.

Segundo relatou o instituto armado, axentes desprázanse ao lugar xunto con outras patrullas da localidade de Arteixo e da Comandancia da Coruña, onde comprobaron como desde o exterior dunha nave se escoitaba música "a alto volume".

Tras acceder ao interior da nave industrial os axentes atoparon sete persoas que consumían bebidas alcohólicas, pan e restos de churrasco. Por iso, todos os asistentes á festa foron informados de que serán propostos para sanción por incumprir os preceptos legais do estado de alarma, á vez que os instaron a abandonar o lugar e dirixirse aos seus respectivos domicilios.

En concreto, formuláronse sete denuncias administrativas á Delegación do Goberno. A Garda Civil lembra que para resolver calquera dúbida referente ao cumprimento do estado de alarma, ten ao dispor do cidadán o número de teléfono 981 16 78 00, extensións 313 e 297.