CRTVG

Buscar

Cristina Fernández acusa os xuíces de persecución e da crise arxentina

Publicado o 04/03/2021 20:43

A vicepresidenta arxentina, Cristina Fernández, que foi xefa de Estado entre 2007 e 2015, responsabilizou este xoves á Xustiza, ao comparecer nunha das causas nas que está procesada, de contribuír á crise que sofre o país e de seguir encabezando unha persecución contra ela.

A audiencia de hoxe realizouse para coñecer os posicionamentos dos procesados na causa na que Fernández está acusada de irregularidades na venda de futuros de dólar por parte do Banco Central ( BCRA) no último tramo do seu mandato. "O ' lawfare' (persecución xudicial), como sabemos os que o sufrimos, é esta corrente rexional que, a través dos poderes xudiciais, estigmatiza os movementos populares e os dirixentes e que os perseguen", aseverou a líder da facción kirchnerista do Goberno.

Nunha audiencia virtual transmitida en vivo a pedimento da propia política, a quen se lle impediu comparecer presencialmente pola pandemia, Fernández rexeitou novamente as acusacións na súa contra e lanzou acesas críticas contra un Poder Xudicial ao que acusa de favorecer a vitoria en 2015 do anterior presidente, o seu principal adversario, Mauricio Macri (2015-2019). "Vostedes, o Poder Xudicial, contribuíron a que ese Goberno gañase as eleccións e fixese o que fixo despois. Vostedes tamén son responsables do que pasou e do que esta pasando na Arxentina e realmente dáme moita raiba, porque a que sofre é a xente", declarou entre bágoas ao referirse á débeda que deixou o anterior Executivo, ao que sempre acusou de influír nos xuíces para que fosen contra ela.

Esta comparecencia da vicepresidenta, unha das moitas que xa afrontou desde que deixou a xefatura de Estado polas causas que a afectan, principalmente por corrupción, dáse no medio dos cruces coa oposición e o sector xudicial pola intención do actual mandatario, o tamén peronista Alberto Fernández, de reformar o Poder Xudicial, ao considerar que está politizado. "Este é o sistema que está podrecido e perverso e é necesario que todos poñamos o esforzo para corrixilo e transformalo, porque non se pode seguir cun país onde vén un, endebédanos e despois o sobreseen e volve facer o mesmo", remarcou a viúva do tamén expresidente Néstor Kirchner (2003-2007)

Noticias web

04/03/2021

Máis sobre actualidade