CRTVG

Buscar

Os universitarios volven ás clases presenciais, con cribados masivos nos campus

Publicado o 01/03/2021 11:38

Empezou o cribado universitario en cinco campus coincidindo coa volta presencial ás aulas. Son máis de 50.000 os estudantes convocados ata o xoves para facer un test de antíxenos que axude a previr contaxios da covid-19.

Os estudantes universitarios de Galicia volven ás clases presenciais, desta volta con cita para realizar unha proba para desvelar infeccións de coronavirus. Someterse á proba é voluntario e, polo visto nas primeiras horas deste luns, acudiron moitas menos das persoas convocadas.

Fernando Rodríguez Jiménez é un estudante universitario e di que "estaba citado para as 10.35 h. Cheguei bastante cedo, porque son as 10.10 e non houbo ningún problema. Deixáronme pasar e realizar a proba perfectamente".

Os equipos de traballo atenden ata as nove da noite e, no caso de Santiago ata o xoves. En toda Galicia, o Sergas convocou máis de 58.000 universitarios, con Santiago e A Coruña como os campus con máis poboación.

Paula Hernández, que acabade realizar a proba conta: "Avisáronme hai unha semana por SMS e foi un test de antíxenos, pero como se fose PCR polo nariz". A súa compañeira Aroa Gutiérrez Silva di que "foi un pouco molesta, non imos mentir, pero nada que non se poida soportar. E nada, hoxe toca a volta á clase, que xa tiña ganas".

O teléfono é tamén o medio polo que chega o resultado da proba. Outro universitario que acaba de pasar a proba, Gonzalo Corchero afirma: "Dixéronnos que ao longo da mañá se es negativo mandan un sms e se es positivo chamarían para dicir que tes que facer".

Marta Coello fala do cribado: "Paréceme ben que fagan isto, pero, por exemplo, os meus compañeiros de piso unha tena agora e outro que tamén é da miña facultade tena o xoves. Daquela, estamos así, agardando".

A finalidade é detectar persoas con coronavirus para, controladas, frear a propagación da covid-19.

Noticias web

01/03/2021