CRTVG

Buscar

Cribado na Peroxa, un dos concellos coas máximas restricións

Publicado o 25/02/2021 21:18

Seguen os cribados por boa parte de Galicia, hoxe nun dos concellos que se manteñen no nivel máximo de restricións: cincocentas persoas foron chamadas a participar nun cribado no concello da Peroxa. Aquí teñen 13 casos activos sobre unha poboación de 1.800 habitantes, unha taxa demasiado alta que fai que este sexa un dos dez municipios galegos onde se manteñen as restricións máis severas.

En apenas dúas semanas o concello da Peroxa pasou de non ter ningún caso de coronavirus a ser un dos poucos municipios galegos que mantén o nivel máximo de restriccións.

"Iso demóstranos como, ás veces, un caso esta enfermidade se propaga de maneira moi rápida". explica Miriam Vázquez Campos, enfermeira e coordinadora do cribado.

Os rastrexadores atoparon aquí nos últimos quince días 13 persoas contaxiadas. Unha situación que ninguén agardaba no concello.

"No anterior confinamento eramos o único concello que quedamos aberto na segunda onda, pero neste caso tocounos ao revés".

"Medo non, pero cun pouco de precaución, porque realmente a cousa non é para bromas".

A orixe foron dúas persoas asintomáticas que descoñecían que tiñan o virus. Precisamente, son eses os casos que se pretenden detectar en cribados coma este.

"A xente anda preocupada e temos todos un pouco de pánico. Eu vin facela, é a primeira vez e estou a ver como sae".

"Preocupados, si, téñolle que decir que sí. En calquera momento pode chegar".

Na Peroxa manterase polo de agora o peche perimetral e o da hostelería, e deberán agardar para reunirse cos non conviventes.

"Con ganas de agarrar os amigos, os irmáns e darlles unha aperta. É que estamos coma nunha burbulla...".

Á espera das altas dalgúns dos positivos pola súa boa evolución e dos resultados das probas PCR realizadas hoxe, dende o Concello apuntan que son optimistas, pero que toda precaución é pouca e que non van baixar a garda.

Noticias web

25/02/2021