CRTVG

Buscar

Crean en Lugo o primeiro dosificador solar de hidroalcol do mundo

Publicado o 06/07/2020 14:17

O primeiro dosificador solar de hidroalcohol que existe no mercado foi deseñado por dous mozos de Lugo.

A través dunha placa fotovoltaica, o DHS22 obtén a enerxía necesaria para detectar as mans do usuario e dispensar unha dose de solución hidroalcohólica a través dunha boca situada a 80 centímetros de altura.

Resulta, por tanto, accesible para persoas con diversidade funcional, a diferenza dos dosificadores de pedal, e conta tamén con indicacións visuais e sonoras.

Ademais, a súa estrutura de aceiro inoxidable permite que se poida instalar ao aire libre, o que o fai idóneo para espazos públicos concorridos.

"Temos dúas versións. Unha é a solar, pero temos tamén o enchufable", dinos Manuel Chadi, coautor do dosificador.

"O solar é para exteriores, e non lle é necesario que faga sol, pois as placas fotovoltaicas son moi eficientes. Nun día cuberto segue cargando. Si que é certo que tivemos que traballar moito ese aspecto, pero ao final beneficiounos sermos galegos porque o tivemos moi en conta. Entón, xa está preparado para que non tiña ningún problema deste tipo", engade Chadi.

O dispensador conta cun depósito de 22 litros, o que lle permite proporcionar máis de 20.000 doses entre recargas. Para desenvolver outros proxectos innovadores coma este, os seus creadores montaron unha oficina técnica industrial destinada a axudar outros emprendedores a levar a cabo as súas ideas.

"A raíz deste proxecto, creamos unha empresa, chamada Prodiodo, que é unha oficina técnica industrial. A idea é botarlle unha man á xente que ten unha idea e que a quere levar a cabo, ademais de comercializar o dosificador solar. Estamos moi contentos co resultado, e xa temos clientes interesados en adquirilo", coméntanos Manuel Chadi.

O proceso enteiro do uso do dosificador solar dura apenas un par de segundos, suficientes para proporcionarlle ao usuario unha desinfección completa das mans.

Noticias web

06/07/2020

Máis sobre Lugo