CRTVG

Buscar

Crean contidos na Pobra do Brollón para entreter os veciños confinados

Publicado o 18/03/2020 20:30

Co fin de entreter e informar os veciños que están confinados nas súas casas, dende o Concello da Pobra do Brollón decidiron artellar unha canle dixital con contidos audiovisuais de proximidade. A iniciativa, que ten por nome Guimaralia Te Ve, parte do técnico municipal de Cultura, quen se encarga de editar os vídeos e subilos ás distintas redes.

Xosé Gago, técnico de Cultura da Pobra do Brollón: "Moitísimos artistas e produtoras están liberando contidos para pasar mellor o confinamento, e nós dende o Concello sempre apostamos por unha programación cultural moi participativa, tendo en conta o talento local. É trasladar iso á Rede."

Nos vídeos interveñen artistas locais, como un músico que canta versos dunha poeta da Pobra do Brollón. Pero a canle tamén está aberta ao resto dos veciños, convidados a participar coas súas propias creacións.

Xosé Gago, técnico de Cultura da Pobra do Brollón: "Eles mesmos elaboran contidos que nos envían vía WhatsApp e logo nós montamos os vídeos e publicámolos en Internet. Eu creo que é importante estes días, á marxe de respectar todas as indicacións que se están dando dende a Administración, non perder de vista que isto vai durar e que temos tamén que estar entretidos."

Na canle dixital tamén fan recomendacións de contidos en aberto que axuden a facer máis levadeiro o confinamento.

Noticias web

18/03/2020