CRTVG

Buscar

Córtanlle a luz durante dez días por erro a unha familia do Vicedo

Publicado o 08/01/2020 14:09

Dez días sen subministración eléctrica e máis de 1.200 euros de gasto en xeradores para poderen ter luz. Este foi o resultado para unha familia de San Román do Val, no Vicedo, dun erro por parte da compañía eléctrica que tiña contratada unha veciña. Cando ela pediu rescindir o contrato con EDP, en lugar de cortarlle a luz a ela, deixaron esta familia sen o servizo, aínda que o tiñan contratado con outra empresa, que era Naturgy.

"Ela tiña contratado con EDP a súa subministración. As primeiras facturas viñéronlle moi altas e chamounos para que lle desen a baixa do contrato posto que non quería seguir con eles. Eles atenderon a chamada pero a subministración que deron de baixa foi a nosa, non sabemos por que motivo. Eles achácano a un erro co enderezo, porque aquí é 'Vilagudín 2 baixo', e o dela é 'Vilagudín 2'. O problema parece ser que vén de aí, pero o erro está claro que foi deles", di Azucena Cuadrado.

Como resultado dese erro, a familia afectada, da que forman parte unha muller de 80 anos e dous nenos, pasou case todo o Nadal sen subministración eléctrica. O corte do servizo supúxolles, ademais, un gasto de máis de 1.200 euros.

"O primeiro día tiñamos un grupo, que nos ardeu. Tivemos que chamar unha compañía para alugar outro grupo grande para que puidese coa casa e con todo. Pero todo o mes pagando 70 euros diarios mais gasolina e todo o demais, non podiamos seguir así. Non me dá o soldo para iso. Entón chamamos a Garda Civil, que non podía facer nada, e chamamos o alcalde e Protección Civil mandounos un grupo para seguir resolvendo", explica David Vale.

"Entre gasolinas e alugueiros, mil e pico euros van tranquilamente, e igual quedamos curtos. E despois porque tiramos da familia, entre lavar roupa, facer a comida e todo o demais", lamenta Azucena.

A familia afectada polo corte de luz estuda agora denunciar estes feitos pola vía penal.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2020