CRTVG

Buscar

Verín súmase aos concellos con medidas restritivas e na área de Ourense é onde máis soben os casos

Publicado o 21/09/2020 08:16

A redución de capacidade máxima á metade en todos os establecementos, a prohibición de servir na barra e de xuntárense máis de dez persoas e a baixada das capacidades nos lugares de culto, velorios e celebracións afectan xa a once concellos galegos. Verín foi o último en sumarse, tras o aumento de infectados que padece. No hospital comarcal, as cifras son semellantes ás de abril. O último dato oficial é de 11 doentes ingresados coa covid−19.

Ademais, Ourense é a área sanitaria onde máis soben os casos. En Galicia rexistráronse 223 contaxios na última xornada e neste momento son 716 os falecidos por covid−19. A última, unha muller que morreu no hospital Lucus Augusti, que era usuaria do xeriátrico DomusVi de Outeiro de Rei. A pesar de que a área de Lugo xa ten 81 decesos pola doenza, é canda a da Coruña a única en que baixaron nas últimas horas os casos activos, por ter máis altas que novos infectados. No que respecta aos gromos, preocupan os das residencias, pero continúan a rexistrarse noutros ámbitos, coma o ocio. É o caso de Ortigueira, onde o foco está nun mesón.

Polo de agora son 15 os positivos vinculados a este gromo, pero os rastrexos continúan e o número de afectados podería aumentar.

Noticias web

21/09/2020