CRTVG

Buscar

Continúan aumentando os casos de covid en Lugo

Publicado o 05/09/2020 21:36


Xa son doce os usuarios desta residencia de O Incio que faleceron a consecuencia da covid, desde que se detectou un gromo o pasado 19 de agosto. As últimas tres defuncións tiveron lugar onte mesmo, o dunha muller de 84 anos e dous homes de 88 e 59 anos, que tiñan patoloxías previas.

En total, hai 118 afectados polo coronavirus: 34 son traballadores e 84 residentes. Segundo os últimos datos, 14 destes usuarios están ingresados no Hospital de Lugo e un no de Monforte.

O xeriátrico segue funcionando. Hoxe afanábanse en limpar a entrada. Nunha planta están os casos positivos e noutro os negativos, que arestora son 24 persoas.

Continúan facéndose controis a todos, polo que os datos poden variar.

Todo apunta a que a infección veu derivada do foco que se detectou no concello veciño de Monforte de Lemos.

En Monforte na última xornada houbo dous positivos máis e en total ascenden a 88 casos activos. Xa se deron 46 altas.

No Sur da provincia de Lugo tamén hai un foco en Pantón que se mantén con sete persoas infectadas.

Máis preocupante é o caso da residencia de anciáns de Outeiro de Rei, onde volveron aumentar os casos positivos: hai 43 internos infectados e 8 traballadores. Dez dos residentes están no hospital lucense.
 

Noticias web

05/09/2020