CRTVG

Buscar

Continúan as altas domiciliarias en Galicia, que rexistra 3.056 casos de coronavirus

Publicado o 04/05/2020 12:16

• A cifra de vítimas mortais sitúase en 572 persoas, tras os 9 últimos falecementos

• Baixa a incidencia en todas as áreas sanitarias, agás en Lugo, que ten 1 caso máis

 

Continúan as altas domiciliarias en Galicia, que rexistra 3.056 casos de coronavirus

O número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.056, 131 menos que os rexistrados onte polo Servizo Galego de Saúde. A maior parte das persoas curadas entre onte e hoxe son altas domiciliarias. Na actualidade, 6.234 persoas xa superaron a doenza en Galicia (+159).

No intervalo de 24 horas transcorrido, o Sergas certificou a morte de seis persoas máis por esta enfermidade (tres delas usuarios de residencias xeriátricas). A elas hai que sumarlle outros tres falecementos notificados este mediodía, co que a cifra total de vítimas mortais é de 572 persoas. Os tres últimos finados son dous varóns de 81 e 82 anos e unha muller de 93 anos que estaban ingresados no CHUAC. 

Por áreas sanitarias, baixa a incidencia en todas elas, agás na de Lugo, onde hai un caso máis. Ademais, das 131 persoas recuperadas, case a metade son usuarios ou profesionais de centros residenciais. A distribución das persoas contaxiadas é a seguinte: 

• A Coruña: 740 (-31).

• Vigo: 715 (-58).

• Ourense: 588 (-25).

• Santiago: 468 (-7).

• Lugo: 223 (+1).

• Pontevedra: 182 (-4).

• Ferrol: 140 (-7).

O número de pacientes en UCI mantense case igual ca onte, con 34 persoas (-2). En unidades de hospitalización tamén baixa en dous pacientes o número rexistrado, ata os 253. A maior parte dos enfermos está nas súas casas (2.769). Son 127 menos ca onte, o que mantén a tendencia iniciada a partir do cambio brusco da semana pasada, cando o Sergas empezou a notificar as altas domiciliarias. A día de hoxe, a maior parte das altas continúan dándose a pacientes non hospitalizados.

Nas últimas 24 horas fixéronse 1.874 probas PCR, o que sitúa a cifra total en 104.990.