CRTVG

Buscar

Conte busca o apoio do Congreso para salvar o seu Goberno en plena pandemia

Publicado o 18/01/2021 16:47

O primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, pediu hoxe o apoio da Cámara dos Deputados para seguir no Goberno nestes momentos de pandemia e para resolver a crise "sen sentido" aberta pola saída da coalición dun dos socios, Matteo Renzi.

"A todos aqueles que teñen no corazón o destino de Italia, pídovos hoxe: axudádenos, axudádenos a seguir coa máxima celeridade", instou Conte aos deputados, que esta tarde deberán votar unha moción para confirmar ou negar o seu apoio ao Executivo.

Conte trata así de convencer os deputados para que apoien o seu Goberno, que perdeu o apoio de Renzi -a pesar der ser un socio minoritario-, e mañá acudirá co mesmo obxectivo ao Senado, unha cita esta última fundamental, pois na cámara alta ten máis difícil sumar unha maioría.

A crise política chega nun momento moi difícil polo coronavirus e, por esa razón, o primeiro ministro subliñou que o país "merece un Goberno unido e dedicado a traballar polo ben dos cidadáns e nunha incisiva recuperación da economía". A súa intención é convencer os deputados do Grupo Mixto, xa que pechou a porta a unha nova alianza con Renzi, ao sinalar que "é hora de pasar páxina" e acusándolle de abrir unha crise "sen sentido" e de "grave irresponsabilidade" en plena pandemia.

"As nosas forzas deberían estar concentradas na resposta á crise que atenaza ao país, mentres que ante os ollos que nos miran aparecen dispersas en pugnas políticas do todo incomprensibles para quen cada día afrontan o medo da enfermidade", lamentou.

O primeiro ministro conta co apoio do antisistema Movemento Cinco Estrelas, o Partido Demócrata e a esquerdista Libres e Iguais e reclamou que se somen ao seu proxecto os deputados do Grupo Mixto liberais, populares e socialistas.

"Fai falta un Goberno e forzas parlamentarias valentes, conscientes da delicadeza do deber, capaces de fuxir de egoísmos persoais", reclamou.

Os datos son alarmantes en Italia, que rexistra unha media de 500 falecidos diarios, e o comité científico que asesora o Goberno italiano advirte de que a pandemia corre o risco de volverse incontrolable. Por iso dende onte, tres cuartas partes de Italia están en corentena. Das vinte rexións, unha ducia está en zona laranxa, o que implica o peche total da hostalaría e limitacións de movemento. E outras tres rexións, entre elas Lombardía, motor económico do país, están en vermello. Isto supón o confinamento total: os cidadáns non poden saír da casa e pechan todos os establecementos non esenciais.

Noticias web

18/01/2021