CRTVG

Buscar

Consumo leva 17 liñas aéreas aos tribunais por omitirlles información aos clientes

Publicado o 01/06/2020 17:11
Consumo leva 17 liñas aéreas aos tribunais por omitirlles información aos clientes

O Ministerio de Consumo levará aos tribunais do mercantil a polo menos dezasete aeroliñas que supostamente están a realizar prácticas comerciais desleais ao omitir información aos clientes sobre o dereito que teñen de reembolso cando a compañía cancele un voo.

En concreto, segundo Consumo, detectou que estas compañías están a desenvolver unha práctica comercial desleal ao omitir información sobre o dereito ao reembolso nun prazo de sete días ao que obriga a normativa comunitaria europea e a Lei xeral de defensa de consumidores e usuarios.

As 17 aeroliñas denunciadas polo Ministerio de Consumo, segundo informa este departamento, son: Air Europa, Air France, Binter Canarias, EasyJet, Eurowings, Iberia (Iberia Express e Air Nostrum), Jet 2, KLM, Latam Airlines, Lufthansa, Ryanair, Scandinavian Airlines (SAS), Transavia, Thomson Airways (TUI), United Airlines, Volotea e Wizzair.

Consumo recorre a esta vía que a lei contempla, segundo argumenta, para protexer os usuarios e coa que se recorre á xustiza para que cese esta práctica comercial de determinadas aeroliñas agora e no futuro. O departamento que dirixe Alberto Garzón tamén solicita que sexan declarados nulos todos os contratos polos que os viaxeiros aceptaron un bono substitutorio do reembolso, cando a compañía aérea non informase deste dereito ao usuario e ofrecese o bono como única opción

Noticias web

01/06/2020