CRTVG

Buscar

Conmoción no deporte pola morte de Kobe Bryant

Publicado o 27/01/2020 15:03

Faleceu coa súa filla de 13 anos nun accidente de helicóptero

A morte de Kobe Bryant xerou un enorme impacto no mundo enteiro. Era unha estrela global, un dos mellores xogadores da NBA de tódolos tempos, unha lenda do deporte que trascendeu á súa profesión.

Bryant foi o xogador máis novo da historia en fichar na liga profesional, con 17 anos. Conquistou cinco aneis de campión, 18 veces All Star, cuarto máximo anotador da historia. Todo en 20 anos cos Lakers. O único que recibiu a honra de que lle retiraran dous números. Pero tamén gañou dous ouros olímpicos e un Óscar.

Entre medias unha voracidade anotadora poucas veces vista, o seu mítico enfrontamento con Shaquille O’Neal ou as constantes comparacións con Michael Jordan.

Desesperado polas lesións, retirouse en 2016, con 37 anos, nun partido memorable ante Utah, no que anotou 60 puntos.

Tras coñecerse o seu falecemento sucedéronse as reaccións de pésame e recoñecemento por todo o planeta. Nos arredores do Staples Center, a casa dos Lakers, xuntáronse milleiros de afeccionados nunha vixilia improvisada.

Mentres, no interior, celebrábase a cerimonia dos Grammy, na que tamén se lle rendeu homenaxe.

Pese ao loito xeral, a NBA non suspendeu a xornada. Unha decisión que moitos non entenderon. Con todo, os equipos lle renderon tributo en tódalas canchas. Dende minutos de silencio... a esgotar sen xogar as primeiras posesións de 24 segundos. Iso aconteceu por exemplo no encontro dos Raptors do seu amigo Marc Gasol ante San Antonio.

A morte de Bryant, máis aínda por ser tan prematura, confire unha nova perspectiva sobre a dimensión da súa figura.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/01/2020