CRTVG

Buscar

Segundo día de loito en Redondela, onde se oficia esta tarde o funeral polos tres mozos falecidos na AP-9

Publicado o 31/05/2019 12:32

• Ao acompañante do condutor xa lle daron a alta, mentres que o mozo que ía ao volante segue ingresado no Álvaro Cunqueiro

Está sendo un día moi duro en Redondela, a vila que vive conmocionada pola perda de tres veciños de curta idade no accidente de tráfico da noite de onte. Outros dous permanecen feridos nos hospitais. O shock é total no instituto en que estudan os cinco mozos, de dezasete anos, e onde hoxe e mañá se interrompeu toda a actividade. 

Estas bandeiras a media hasta e mais o crespón negro na fachada da casa consistorial lembran unha traxedia imposible de esquecer aquí en Redondela, que chora a perda dos tres mozos de 17 anos nese fatal accidente de tráfico. A primeira hora desta mañá, a Xunta de Voceiros redondelá decretou dous días de loito oficial. Tamén o Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra e mais a sede viguesa do organismo se sumaron ás condolencias. Un equipo de psicólogos presta xa apoio á comunidade escolar do Instituto Mendiño de Redondela, onde os tres falecidos acababan de se graduar e se preparaban para as inminentes probas de selectividade. No centro escolar, hoxe quedaron suspendidas as clases e non se retomará a actividade académica ata o vindeiro luns.  

Unidos pola amizade desde a infancia, pola práctica do deporte e polo centro escolar ao que asistían. No IES Mendiño, onde os cinco ocupantes do vehículo sinistrado acababan de rematar o bacharelato, as clases están suspendidas ata o vindeiro luns en memoria dos tres falecidos.

Pais, profesores e alumnos están conmocionados. Para apoiar a comunidade escolar, un equipo de psicólogos xa traballa con eles.

O Concello de Redondela decretou dous días de loito oficial e as bandeiras aquí e nas sedes da Deputación de Pontevedra locen a media hasta.

 

 





 

Noticias web

31/05/2019